lunes, 4 de junio de 2007

MANIFESTO Liberdade para Bastida, Planta de Gas Fora da Ría





MANIFESTO
Liberdade para Bastida, Planta de Gas Fora da Ría
Concentración do 3 de Xuño de 2007
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol



¡Bo día!
Hoxe estamos aquí na defensa da vida, da Ría e da legalidade, pero nos falta un compañeiro de loita cuia liberdade queremos canto antes. Contamos coa vosa presenza solidaria pero tamén coa adhesión de moitos que non puideron vir.

Achegámonos ata a casa do Concello, porque o 16 de xuño constituirase unha nova corporación e deixará de ser Alcalde quen durante catro anos estivo facendo de recadeiro de Reganosa, promovendo distintas iniciativas para favorecer unha perigosa planta de gas dentro da Ría e provocando que o Concello se retirase de dous contenciosos que tiña contra Reganosa, un deles gañado. Esperamos, que a nova corporación lle diga o Tribunal Supremo que faga firme a sentencia do TSXG para que os ferrolans e ferrolás recuperemos o dereito a ser defendidos pola Xustiza.

Achegámonos á Casa do Concello como administración máis próxima encargada de velar e garantir os nosos dereitos como cidadáns. Porque cando o poder das institucións é dirixido contra a cidadanía o que se amosa é abuso, máis propio dun estado totalitario que dun estado democrático. Estamos aquí para recordarlle á nova corporación que ten unha tarefa pendente co caso Reganosa, que non esconda a cabeza coma unha avestruz, que defenda a vida das ferrolás e ferroláns, e que sexan consciente de que Reganosa está dentro da Ría a 1200 m de Ferrol.

Cando aconteceu a catástrofe do Prestige, os traballadores e traballadoras do mar xa víronse na obriga de tomar a iniciativa, igualmente miles de voluntarios mobilizáronse en todo o Estado Español para facer fronte á marea negra, en ausencia de reposta das administracións. O goberno do Sr. Fraga na Xunta, estaba de caza, e o goberno do Sr, Aznar propagaba mentiras e paseaba o barco arriba e abaixo, con falsos asesoramentos técnicos. Así sucedeu o maior desastre ecolóxico do noso pais.

A historia leva trazos de repetirse, o caso Reganosa é o maior escándalo de corrupción política, económica e mediática da democracia e tamén pode chegar a converterse nunha enorme traxedia no caso de que a Planta de Gas entre en funcionamento. Aínda que xa neste momento, estamos en perigo co GNL que trouxeron os dous gaseiros, que se encontra almacenado nos tanques, co que Reganosa está facendo probas de regasificación.

Como no caso do Prestige a cidadanía, en ausencia e sen amparo das administracións. tivemos que tomar a iniciativa. O xermolo do CCE xa no ano 1999 tivo diferentes imiciativas para que a Planta de Gas se ubicara no porto exterior. En xullo do 2001 constitúese como Comité Ciudadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. En todos estes anos leváronse a cabo accións, mobilizacións e denuncias... ante a Comisión Europea, seis contenciosos en trámite e un séptimo que se iniciará nestes días.

Queremos dicirlles aos que demagoxicamente se amparan argumentando que cando a xustiza se pronuncie acatarán as sentencias, que hai dúas sentencias favorables do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que están recorridas ante o Supremo, por Reganosa e pola Xunta coa finalidade de demorar a vía da xustiza e mesmamente menosprezando e ninguneando ao mais alto Tribunal Galego, para que así Reganosa poida seguir coa construcción da Planta a pesar da flagrante ilegalidade.

Coas actuacións diante dos metaneros Galicia Spirit e Mourad Didouche, (que este último sexa un ano máis antigo que o Prestige, pon en evidencia a inseguridade de Reganosa), rompéronse os muros do silencio que en todos estes anos impediron que o caso Reganosa fora coñecido tanto pola poboación de Ferrolterra como pola do resto do mundo. Sendo víctimas de quen censuraron as nosas informacións con moitos cartos que Reganosa gastou en publicidade directa e encuberta. Eses muros de silencio saltaron polos aires os días 7, 8, e 9 de maio, cando cidadáns e traballadores do mar, dando un exemplo de gallardía, na defensa da vida, da ría e da legalidade, sumáronse ás mobilizacións promovidas polo Comité Ciudadán Emerxencia para a ría de Ferrol. Mobilizacións coas que impedimos, por catro veces a entrada ilegal na ría do buque gaseiro "Galicia Spirit", cargado con 140.000 m3 de gas natural licuado. O 29 de maio impedimos o intento de entrada do segundo metanero chamado "Mourad Didouche", cargado con 123.000 m3 de GNL. Foron moitas cadeas de televisión, radios e xornais as que levaron por todo o mundo a noticia, dando a coñecer os detalles da ameaza que supón Reganosa para a vida, para a Ría e para a legalidade democrática.

Só empregando as forzas de seguridade dun Estado de dereito e cargando contra a cidadanía indefensa, conseguiron metelos dentro da Ría. Os dous gaseiros entraron en base a permisos que non cumpren a legalidade, ameazando a vida da poboación, sen garantía de que poidan sair o mar en caso de emerxencia na planta ou no gasero, tal e como require a Norma EN-1532 que se está vulnerando. Tampoco existe na Autoridade Portuaria un plan de seguridade ou de emerxencias capaz de facer fronte a catástrofe que podería ser provocada por Reganosa. Ademais nos consta que Reganosa ten sen resolver condicionados da súa autorización de construcción, un deles o das distancias de seguridade ata as poboacións.

Todo o mundo sabe que a planta de gas de Reganosa é unha bomba. Todo o mundo sabe que a plnta de gas nun cumpre as distancias de seguridade respecto as poboacións. Todo o mundo debe saber que cada día de funcionamiento da planta de gas matará a vida mariña e o placton de 300 millóns de litros de auga da Ría.

As actuacións que o Comité Cidadán levou a cabo nestes días, provocaron que Felix Alonso, presidente de Reganosa, Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia, Xosé Barcia, alcalde de Mugardos e Vicente Irisarri, futuro alcalde de Ferrol, recoñecesen que a ubicación da Planta no interior da Ría non é a máis idónea. O proxecto Reganosa sostense nun cúmulo de irregularidades e ilegalidades coa complicidade de institucións e medios de comunicación. Proba disto é a firma dun convenio con cláusulas secretas entre os promotores de Reganosa e o Sr. Fraga en xuño de 2000.

A Xunta de Galicia e o Goberno Central actuais herdaron o proxecto de Reganosa pero iso nin xustifica nin lexitima a súa plena aceptación. Moi ao contrario, teñen a obriga de facer respectar a legalidade e a vida, como ven esixindo o Comité Cidadán e tal e como se fixo coa cidade da cultura, replantexándose o proxecto herdado da "Era Fraga". Estamos diante do maior fraude cometido no noso pais. O bipartito de Touriño e Quintana e o goberno de Rodriguez Zapatero, teñen a responsabilidade de que non se converta na maior traxedia.

Temos que denunciar o intento de moitos medios de comunicación e autoridades de tratar o problema da planta de gas como se só afectase aos mariscadores, intentando reducir un gravísimo problema a unha simple reclamación de danos económicos. Con esta idea tentaron criminalizar e desprestixiar aos traballadores e traballadoras do mar dirixindo cara eles toda a responsabilidade da oposición cidadá á entrada de gaseros, e buscaron un "chivo expiatorio" na persoa de Bernardo Bastida. Os cartos nunca poderán pagar, por incalculable, a vida dos miles de cidadáns que están poñendo en perigo. É preciso recordar aos nosos gobernantes que a vida non é negociable.

É necesario que a cidadanía de Ferrolterra se comprometa con máis determinación que nunca na loita por restaurar a legalidade, coa finalidade de que se paralice a construción de Reganosa e que sexa expulsada fóra da ría.

Co encarceramento de Bastida pretenden escarmentarnos, atemorizarnos e mesmo converternos en criminais. Mais as mulleres e homes do Comité Ciudadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, non escarmentamos nin nos asustamos e continuaremos defendendo:
¡PLANTA DE GAS FORA DA RIA, BASTIDA SOMOS TODOS, LIBERDADE PARA BASTIDA!!!!!

No hay comentarios:

¿Deberían el gobierno de la Xunta de Galicia de Touriño y Quintana seguir permitiendo la ilegalidad de REGANOSA?